Curso de verán: Novas fronteiras na igualdade de oportunidades 2.0: violencias - redes sociais - consentimento - coeducación (20ª edición)

O curso desenvolverase en Lalín entre o 8 e o 11 de xullo e está dirixido a profesionais da educación, estudantes universitarias/os e persoas interesadas en ampliar coñecementos arredor da igualdade de xénero, a educación e os dereitos sociais. O prazo de matrícula remata o 27 de xuño, e o alumnado da USC poderá obter 2 créditos ECTS pola súa participación.
Ao longo de catro días, contaremos coa presenza de poñentes de primeiro nivel, con ampla experiencia e recoñecemento en diversos ámbitos relacionados coa igualdade de oportunidades, a prevención da violencia machista e a coeducación. As súas intervencións ofrecerán miradas diversas e complementarias, contribuíndo á reflexión crítica e á acción transformadora.
Entre os contidos do curso abordaranse cuestións como o amor romántico, arte, capitalismo, coeducación, consentimento, cultura da violación, educación, escola, feminismos, hipersexualización, intelixencia artificial, machismo, masculinidade, mass media, manosfera, normatividade, patriarcado, pornificación, pornosocialización, prostitución, sexismo, sexualidade, trata, violencias e xénero.
Esta proposta formativa ten como finalidade:
• Promover a participación e integración entre a escola e a comunidade, favorecendo o desenvolvemento de accións conxuntas ante os desafíos educativos e sociais actuais.
• Facilitar o encontro entre profesionais de distintos ámbitos relacionados coa igualdade, especialmente o profesorado, para compartir experiencias, recursos e boas prácticas.
• Fomentar o debate sobre a igualdade nos espazos educativos e sociais, cuestionando estereotipos de xénero e promovendo un compromiso educativo transformador.
• Incrementar a conciencia sobre as múltiples formas de violencias machistas, así como coñecer os recursos dispoñibles para a súa prevención e erradicación.
• Visibilizar o papel das persoas educadoras na transmisión ou superación de valores sexistas, e reforzar a súa capacidade para influír positivamente na comunidade.
• Coñecer e analizar boas prácticas e ferramentas innovadoras para avanzar cara a unha educación máis igualitaria.
• Promover o uso dunha comunicación inclusiva, libre de sexismo, e sensibilizar sobre a importancia de transformar linguaxes e actitudes para avanzar cara a unha sociedade máis xusta.
A dirección do curso anima a toda a cidadanía interesada a participar desta proposta formativa e reflexiva, que supón un espazo privilexiado para formarse, debater e construír alternativas educativas igualitarias nun contexto de aprendizaxe colectivo e compromiso social.
Máis información e matrícula:https://www.usc.gal/gl/servizos/area/cultura/extension/universidade-ver…