Un novo libro pon de manifesto os actos de resistencia a ambos lados do Atlántico na Idade Moderna

Rubén Castro Redondo, profesor de Historia Moderna na Facultade de Humanidades da Universidade de Santiago de Compostela, coordinou xunto con Pablo F. Luna (Sorbonne Université) a monografía recentemente publicada baixo o título de Resistencias Campesinas en los espacios rurales de Europa y América durante la Edad Moderna (La Plata: Universidad Nacional de La Plata. Facultad de Humanidades y Ciencias de la Educación; Ensenada: IdIHCS; Santander: Universidad de Cantabria), 2024.
A obra foi editada pola Colección Hismundi, que vén desenvolvendo nos últimos anos un labor fundamental na investigación en Historia Moderna ao dar cabida nos seus volumes a innovadores traballos sobre sociedades tradicionais a un e outro lado do Atlántico, apostando por unha Historia comparada e dialogada entre experiencias que tradicionalmente foran analizadas por separado, respondendo á clásica e superada división entre espazos metropolitanos europeos e colonias americanas. A análise sincrónica destas realidades pon de manifesto que, a pesar da distancia oceánica, estas sociedades estaban conectadas e configuraran comportamentos e respostas se non comúns, en moitos casos, similares; ao fin e ao cabo, todas elas formaban parte das mesmas estruturas políticas (Monarquía Hispánica e Portugal, respectivamente).
O libro componse de quince capítulos asinados por 17 investigadores e investigadoras de cinco países diferentes (Arxentina, Brasil, Perú, Portugal e España), cuxas achegas xiran en torno a catro eixes fundamentais que se corresponden con exercicios de resistencia campesiña nos espazos rurais, tanto nas metrópoles como nas colonias das potencias ibéricas: 1) Escravismo e indixenismo, nos espazos americanos baixo dominación das potencias ibéricas, funcionando como catalizador de protestas violentas ou non contra situacións de explotación e dominación sempre Europa-América (e non ao revés); 2) Fiscalidade, como un dos elementos máis recoñecibles nas accións campesiñas de resistencia contra as institucións rendistas (Igrexa e Nobreza, fundamentalmente) e os propios Estados modernos. Neste sentido, é determinante a resistencia ao pago de tributos, servizos e rendas, case sempre en especie e froito das colleitas do campesiñado, pobres en xeral, e deficitarias periodicamente en liña coa conxuntura agraria; 3) Propiedade da terra: o medio de produción do campesiñado por excelencia, que traballou pero non posuíu, e que foi obxecto de continuas loitas e disputas pola súa adquisición completa, tratando de librarse de cargas abusivas, materializadas nos contratos agrarios, que eran un dos piares socioeconómicos da inxusta sociedade estamental; 4) Administración: contra as instancias de poder do Antigo Réxime, especialmente a Igrexa e o Estado (en calquera das súas institucións e competencias, da Corte e a Lexislación ás vilas, cidades e concellos rurais da base administrativa local, e tanto en ámbitos de goberno como de xustiza), habitualmente resistíndose á disciplina normativa, a ortodoxia relixiosa e a reforma de comportamentos e prácticas culturais contrarias aos intereses ou a moralidade das instancias anteditas.
A obra pode consultarse e descargarse libre e gratuitamente a través da seguinte ligazón: https://libros.fahce.unlp.edu.ar/index.php/libros/catalog/book/239
A presentación oficial do libro é o venres 22 de novembro ás 17h. Para asistir ao evento, que se realizará presencialmente na aula 16 da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo e de xeito telemático, pódese contactar previamente en ruben.castro [at] usc.es (ruben[dot]castro[at]usc[dot]es).
