A comisión reitora do Campus Terra da USC aproba o plan de actuación previsto para 2018
A comisión reitora do Campus Terra reuniuse este martes na vicerreitoría de Coordinación para abordar a execución do plan de actuación correspondente ao ano 2017, así como para someter a...
A comisión reitora do Campus Terra reuniuse este martes na vicerreitoría de Coordinación para abordar a execución do plan de actuación correspondente ao ano 2017, así como para someter a aprobación o novo plan que deberá executarse na presente anualidade. A comisión estivo presidida polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela Juan Viaño, e na mesma tamén tomaron parte o secretario xeral de universidades da Xunta de Galicia, Alberto Díez de Castro; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o deputado provincial, Álvaro Santos; así como os tres vicerreitores do Campus Terra, os decanos e directores das facultades e escolas que integran o campus; xerente, vicexerente e a Confederación de Empresarios de Lugo. Na comisión reitora tamén se informou sobre a modificación da oferta docente do Campus Terra.
O mantemento das estruturas de gobernanza internas e externas do Campus Terra, así como da unidade técnica e a consolidación das redes de valor xeradas; o desenvolvemento de plans operativos e a materialización de accións estratéxicas indicadas no plano estratéxico do Campus Terra da USC centrarán as liñas de acción nos próximos meses.
O director do Campus Terra da USC, Javier Bueno, avanzou neste senso a pretensión de dar continuidade e avanzar neste ano no progresivo desenvolvemento dos plans operativos xa comezados nos eidos da docencia, investigación, comunicación, internacionalización, especialización docente e acreditación e certificación. Bueno sinalou neste senso que as prioridades son potenciar as plataformas e servizos de investigación e de transferencia do Campus Terra.
Outro dos acordos adoptados pola comisión reitora do Campus Terra da USC alude á pretensión de atender e dar resposta ás necesidades que presenten os centros universitarios e as titulacións neles ofertadas.