Investigadores do Campus Terra da USC analizan distintas liñas de traballo para dixitalizar o agro en Galicia
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, e o vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tenolóxico, Andrés Barreiro, inauguraron este xoves a xornada ‘ Oportunidades da dixitalización do sector agroalimentario galego para a investigación do Campus Terra’, na que se abordaron as oportunidades para a investigación do campus nas estratexias de dixitalización do sector primario.
Avaliar e dinamizar ideas e oportunidades de proxectos a partir da colaboración interdisciplinar; coñecer as iniciativas e o papel do Campus Terra no Polo de Innovación Dixital para o Sector Agroalimentario de Galicia impulsado conxuntamente co Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), e coñecer experiencias e casos de éxito na dixitalización de procesos e áreas de produción, conformaron os principais obxectivos desta xornada.
O foro abriuse co relatorio ‘A dixitalización do Sector primario: unha prioridade nas estratexias de I+D europea e rexional, a cargo de Francisco Ónega, investigador do Campus Terra da USC e José Manuel Dorado, en representación de Gradiant. A continuación, Déborah Franco, de Monet Viticultura, expuxo a súa experiencia de dixitaliación no sector agroalimentario. Tras ela, foi a quenda de Ismael Martínez de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN); María Rey, da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), e Félix Díaz, en representación do Centro Singular de investigación en Tecnoloxías da Investigación (CiTIUS).
A xornada rematou coa intervención de distintos investigadores da sede universitaria luguesa, que presentaron as ideas de proxectos e /ou liñas de investigación con potencial aplicación ao Polo de Innovación Dixital para o Sector Agroalimentario de Galicia. Consulta aquí os relatorios da xornada.
O Campus Terra da USC e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) decidiron unir forzas e apostar pola creación dun polo de innovación dixital no sector agroalimentario (Digital Innovation Hub na terminoloxía da Comisión Europea). Neste polo conflúen, pola banda da demanda, un sector produtivo e transformador aberto á incorporación de tecnoloxías e servizos innovadores adaptados á súa realidade produtiva; e pola banda da oferta, a conxunción de provedores tecnolóxicos e de servizos así coma dos centros de coñecemento e innovación xeradores desas solucións e melloras que demanda o sector.
Esta iniciativa establece unha dinámica proveitosa de colaboración aberta e áxil, da que cada parte interesada pode tirar beneficios específicos: maior competitividade para o sector agroalimentario, oportunidades de negocio e potencial exportador para os provedores tecnolóxicos ou oportunidades de capitalización do coñecemento existente nos centros de investigación e innovación galegos.