O Campus Terra da USC aborda a relevancia do pan na sociedade con motivo do aniversario da súa primeira cátedra adscrita
A Cátedra do Pan e do Cereal do Campus Terra da USC celebrou este martes na Casa do Saber de Lugo, un foro aberto no que distintos relatores trataron de responder a algunhas das cuestións que centran a actividade e o cometido da primeira cátedra científica ligada ao Campus Terra da USC, unha iniciativa que conta con financiamento do grupo Panadería Da Cunha e que cumpre o seu primeiro ano de vida.
O vicerreitor de coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno; a directora da Cátedra do Pan e do Cereal, Ángeles Romero; o presidente do grupo Da Cunha e promotor da Cátedra, Manuel da Cunha; e o director do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, Manuel López Luaces, presidiron unha xornada na que se buscou remarcar o carácter interdisciplinar desta iniciativa.
O foro comezou cun primeiro coloquio sobre cuestións ligadas ás propiedades da terra, así como ao cultivo ecolóxico de cereais, rotacións de cultivos e ecotipos autóctonos, no que interviron Agustín Merino, Xan Neira Seijo, Luis Urquijo Zamora e Fernando Almeida.
O cometido dos cereais na sociedade actual centrou de seguido as intervencións de Pablo Ramil, Carlos Otero e Mar Pérez Fra, relatores que afondaron na orixe dos cereais galegos, así como da relación entre biodiversidade e agricultura e mesmo da perda de terra empregada para usos agrarios.
Unha ollada sobre a relevancia do pan na actualidade, a través dos testemuños de diversos investigados do ámbito da nutrición e da tecnoloxía dos alimentos, así como doutros procedentes do ámbito da Química; a opinión das persoas que participan nos procesos de elaboración de pan, así como os testemuños dos consumidores e tamén dos informadores e xeradores de opinión pública, completaron o programa desta xornada.