Seguimento de doutorandos/as
Estes son os termos e procedementos que deberás coñecer e realizar para o desenvolvemento do plan de investigación, facer o seguimento académico do teu traballo e tramitar solicitudes.
Asignación do titor
A Comisión Académica do Programa de Doutoramento ( CAPD) asignará un titor, para o seguimento da formación como investigador do doutorando, no momento de resolver a admisión, que trasladará á aplicación informática.
O titor deberá ser un profesor ou profesora asignado/a ao programa, con vínculo coa USC de carácter permanente ou durante o período completo de duración das teses, para os casos de PDI contratado e persoal investigador dos programas Ramón e Cajal e similares.
Asignación do director de tese
No momento de resolver a admisión ou, de non ser posible, no prazo máximo de tres meses desde a formalización da matrícula, a Comisión Académica asignará a cada doutorando un director ou directores de teses de doutoramento, que trasladará á aplicación informática.
Esta asignación poderá recaer sobre calquera doutor español ou estranxeiro, con experiencia investigadora acreditada (art. 26 Regulamento de Estudos de Doutoramento da USC) con independencia da universidade, centro ou institución en que preste os seus servizos. O director de tese poderá ser a mesma persoa designada como titor.
Para que desde a aplicación poida rexistrarse ao director asignado pola Comisión Académica, será necesario que previamente conste na base de datos «Rexistro de directores» da USC. No caso de non estar incluído nesta base de datos, o coordinador do Programa de Doutoramento poderá solicitar a súa inclusión enviando a edius [at] usc.es (edius[at]usc[dot]es) os modelos correspondentes que se atopan no despregable CAPD da páxina Guías e impresos.
Cambio de titor ou director
Ao longo do desenvolvemento da formación doutoral, a Comisión Académica do Programa de Doutoramento poderá, por causa xustificada, modificar os nomeamentos de titor e director/a de tese, de oficio ou a petición do interesado.
O doutorando pode solicitar á Comisión Académica do seu programa, o cambio de titor ou director/a, a través da súa Secretaría Virtual, presentando unha proposta razoada ante a comisión.
Codirección de tese
Unha tese poderá ter máis dun director/a cando existan razóns de índole académico ou de carácter interdisciplinar, ou no caso de programas desenvolvidos en colaboración con outras institucións/universidades.
O número de máximo de directores dunha tese será de tres. E para o nomeamento dun terceiro director/a é necesaria:
- A proposta da CAPD
- A autorización da EDIUS
- Que un deles exerza de titor/a
- Que a asignación veña motivada polo carácter interdisciplinar da tese ou porque se realice no marco dun convenio e/ou dun proxecto de convocatoria competitiva desenvolto con outro centro ou institución nacional ou estranxeiro.
É necesaria a autorización da EDIUS para a asignación dun segundo director/a pasados 24 meses desde a matrícula dun doutorando/a. Isto non será posible se o doutorando/a está en período de prórroga salvo circunstancias excepcionais.
Para solicitar a autorización da EDIUS debe enviar a edius [at] usc.es (edius[at]usc[dot]es) os modelos correspondentes que se atopan no despregable CAPD da páxina Guías e impresos.
O doutorando/a pode solicitar á Comisión Académica do seu programa a asignación dun novo director/a. Este trámite non está dispoñible na súa Secretaría Virtual.
Considerarase como perfil autorizado a persoa que exerce como titor/a ou director/a dun doutorando/a para trasladar todos os informes de avaliación ou xestións a través da plataforma informática da Universidade.
Este perfil autorizado é designado pola CAPD e deberá ter vinculación coa USC durante, como mínimo, o período completo de duración da tese.
O CDS é o documento que recolle as funcións de supervisión, tutela e seguimento dos doutorandos. Nel especifícanse as condicións de realización da tese, os dereitos e deber do doutorando, incluíndo os posibles dereitos de propiedade intelectual e/ou industrial derivados da investigación, a aceptación do procedemento de resolución de conflitos, así como os deberes do titor do doutorando e do seu director de tese (cargos que poden recaer na mesma persoa).
Os doutorandos/as que inicien os seus estudos a partir do curso 2021-2022 non teñen que achegalo no Documento de Actividades.
Aceptación do Compromiso documental de supervisión
Aceptación por parte de:
- O doutorando/a tras realizar a súa matrícula (pola súa secretaria virtual).
- O titor/a (pola súa secretaria virtual) tras a matrícula e aceptación do CDS polo doutorando/a.
- O director de tese no momento da súa asignación por parte da CAPD. (O profesorado alleo á USC recibirá un correo electrónico para a aceptación do CDS)
- O coordinador/a, sen notificación, aparecerá na súa SV como temas pendentes unha vez o CDS sexa aceptado polo doutorando/a e o titor/a.
Ao longo da etapa de tese o/a doutorando/a deberá deixar constancia de todas as actividades de interese realizadas durante esta etapa.
As actividades rexístranse a través da Secretaria Virtual (no epígrafe «Consulta expediente Doutorado RD 99/2011») nos prazos establecidos para cada curso académico, que serán valoradas e validadas polo titor/a ou director/a, que asume a figura de perfil autorizado, e anualmente pola Comisión Académica do Programa.
Aínda así, o/a doutorando/a deberá custodiar os documentos orixinais que acrediten as actividades realizadas.
Para depositar a tese é conveniente ter as actividades debidamente rexistradas e marcadas como realizadas no documento de actividades, xa que a CAPD esixe, entre outros requisitos, a superación de todas as actividades de carácter obrigatorio de cada programa.
O Plan de Investigación é o documento que deberá recoller a metodoloxía que empregará o/a doutorando/a e os obxectivos que se pretenden alcanzar, así como os medios e a planificación temporal para alcanzalos..
Cando se tramita?
- Plan de Investigación inicial: No caso de ser o primeiro ano de matrícula no Programa de Doutoramento, no prazo máximo de seis meses contados desde a data de matrícula e sempre antes do fin do curso académico. Os doutorandos matriculados en segunda convocatoria deberán ter presentado o seu plan antes do 31 de xullo.
- Modificación do Plan de Investigación: Cada doutorando poderá modificar o seu Plan de Investigación cando o consideren necesario.
No caso de avaliación negativa, que será debidamente motivada, o/a doutorando/a deberá elaborar un novo Plan de Investigación no prazo que estableza a CAPD.
Como se tramita?
Na Secretaría Virtual (no epígrafe «Consulta expediente Doutorado RD99/2011»). Só se pode facer se na aplicación hai constancia da asignación do titor/a e director/a de tese. Automaticamente a aplicación poñerá ao dispor do titor/a ou director/a o Plan de Investigación para a súa avaliación e posterior aprobación pola Comisión Académica do Programa de Doutoramento elixido.
Recoméndase cubrir este documento canto antes dado que é requisito aprobalo para participar en convocatorias de axudas predoutorais.
O seguimento do labor de investigación dos doutorandos será avaliado anualmente pola Comisión Académica de cada Programa de Doutoramento a través da valoración do Documento de Actividades e do desenvolvemento do Plan de Investigación.
Previamente, o/a titor/a director/a que figura como perfil autorizado debe aceptar ou non as actividades do doutorando e posteriormente xerar o seu informe. Emitido o informe polo perfil autorizado, o/a coordinador/a do programa de doutoramento trasladará a avaliación da Comisión Académica á aplicación para que conste no expediente do doutorando nos termos de positiva ou negativa.
No caso dunha avaliación negativa, o doutorando volverá ser avaliado no seguinte curso.
No caso de dúas avaliacións negativas en cursos consecutivos, o doutorando/a será dado de baixa do Programa de Doutoramento de forma definitiva.