A súa personalidade xurídica foi ostentada pola Escuela de Enseñanza Social de Galicia ata 1999. A partir dese ano pasa a depender da Fundación Santiago Apóstol de Ciencias Sociales, entidade declarada de interese galego e de interese docente. A Escola está adscrita á USC dende o ano 1983.
Como todos os centros privados non subvencionados, réxese por un réxime económico particular e independente dos prezos e taxas da Universidade á que está adscrita.
A Escola dá especial importancia á formación práctica do alumnado. Esta realízase fundamentalmente no curso de 4.º por medio do Prácticum que se desenvolve intensivamente durante o segundo cuadrimestre.
No Prácticum os alumnos e alumnas incorpóranse a institucións ou centros de servizos sociais baixo a responsabilidade dun traballador social e a supervisión permanente dun profesor/a da Escola que os titoriza de xeito individualizado, asesorándoos no seu primeiro contacto coa realidade social nun ámbito profesional e facendo o seguimento do Informe final do Prácticum.
A distribución do alumnado en centros de prácticas por toda Galicia amplía as posibilidades de ofrecerlles o sector ou ámbito da súa preferencia e permite un vínculo permanente entre o mundo profesional e o académico.