Ir o contido principal

TFM

Os Másteres conclúen coa elaboración e defensa pública dun Traballo de fin de máster que debe realizarse na fase final dos estudos e estará orientado á avaliación das competencias asociadas ao título.

O TFM consistirá na elaboración por parte do/a estudante dun traballo orixinal no que se acrediten os coñecementos, capacidades, competencias e habilidades adquiridos durante os estudos realizados na titulación. Incluirá, como mínimo, tarefas de busca e revisión bibliográfica, lectura e integración de información, elaboración de resultados relevantes, redacción e presentación e defensa.

O TFM constará de 15 créditos ECTS, con carácter obrigatorio e desenvolverase no primeiro semestre do segundo ano do master. O TFM pode facerse utilizando como base específica a experiencia en relación coas prácticas realizadas ou  en conexión coas mesmas. Como norma xeral asignarase de forma individual unha directora ou director para o TFM.

Trátase dun traballo científico final de máster que ten que ser defendido ante un tribunal nomeado para ese efecto e composto por profesorado do máster.

Ao alumnado ofreceráselle unha formación específica a través dun Seminario de elaboración de TFM e titorías individuais e en grupo.

A metodoloxía segue un enfoque interactivo co acento posto na participación e elaboración práctica do alumnado que deberá aplicar os coñecementos teórico-prácticos adquiridos no Máster en Igualdade, Xénero e Educación.

O Traballo de fin de máster constitúe unha oportunidade para que o alumnado reflexione sobre a aprendizaxe atinxida nas distintas materias e aplique tales coñecementos a problemáticas específicas.

Por tal motivo, é desexable que o Traballo de fin de máster e as Prácticas externas estean directamente vinculadas entre si, de tal forma que o alumnado poida relacionar a teoría con problemas educativos reais, aspecto que resulta insoslaiable para que a formación docente especializada resulte de calidade e permita a innovación e mellora da calidade educativa real.

Os contidos do Traballo fin de máster vincularanse ás temáticas das liñas de investigación desenvolvidas por cada un dos grupos que participan no máster.

O TFM poderá enfocarse desde diversas orientacións:

  • Como elaboración persoal dos contidos traballados ao longo do curso.
  • Como profundización titorizada nalgún dos ámbitos/problemáticas da profesión que máis interesen ao estudante (análise conceptual en profundidade).
  • Como inicio ou continuación nos procesos de investigación a través dun traballo de investigación, o que implicaría a incorporación dos estudantes aos grupos de investigación existentes nos departamentos.

Para iniciar o Traballo de fin de máster será necesario superar todas as materias do primeiro cuadrimestre.

No momento da presentación do traballo o alumno deberá ter superado todos os demais créditos necesarios para o título.

O Traballo de fin de máster poderá ser presentado en ambos cuadrimestres.

Obxectivos

  1. Introducirse na investigación educativa identificando temas relevantes, contextos ou poboacións susceptibles de estudo e metodoloxías axeitadas para a súa indagación.
  2. Utilizar estratexias de busca e selección de información e facer un uso apropiado da mesma.
  3. Integrar os saberes derivados das ciencias da educación na interpretación das temáticas ou realidades analizadas.
  4. Redactar textos académicos correctos, coherentes e adecuados, e facendo uso dos formalismos que lles son propios.
  5. Realizar presentacións orais facendo un bo uso dos recursos expositivos e argumentativos da lingua, así como dos apoios electrónicos ou multimedia pertinentes.
  6. Entender o estudo, a reflexión e a investigación educativa como estímulo e como garantía de mellora no exercicio profesional.

Modalidades

Ofrécense dúas modalidades de carácter xeral, susceptibles de se adaptaren en función das especialidades e das temáticas:

  1. Unha proposta de ensinanza ou de intervención educativa que integre datos da práctica e tome como referencia os currículos das materias da especialidade ou algunha problemática da vida escolar, desenvolva algunha perspectiva innovadora e achegue reflexións sobre os resultados da súa aplicación práctica. En definitiva, que na súa planificación, desenvolvemento e avaliación ofreza elementos de fundamentación, indagación e reflexión que non permitan confundila cunha programación didáctica. No caso de que esta proposta non poida implementarse, polas medidas sanitarias e as indicacións dos centros educativos correspondentes, ha de tomar como referencia os currículos das materias da especialidade ou algunha problemática da vida escolar e desenvolver algunha perspectiva innovadora achegando reflexións sobre a súa aplicación nunha situación de non presencialidade.
  2. Un traballo de iniciación á investigación sobre algún aspecto da área ou do proceso educativo (análise dos currículos, estratexias de ensinanza, aprendizaxes dos estudantes, materiais e recursos didácticos, avaliación, atención á diversidade, contextualización social da educación, modelos pedagóxicos, titoría, fracaso escolar, ensinanza de valores, etc.) que ofreza unha análise documentada do tópico seleccionado e unha reflexión sobre o mesmo desde o punto de vista da práctica docente en Educación Secundaria. Esta segunda modalidade pode ter un carácter de investigación documental ou de investigación de campo. No caso de que por incidencia da COVID-19 non se poda levar a cabo o traballo de campo como sería desexable, poderá recorrer a calquera das técnicas e instrumentos de recollida de información (presencial ou virtual).
Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.12.2022.