Tomando como referencia a política de calidade da USC, enmarcada dentro do despregamento do seu plan estratéxico, a Facultade elabora a súa política marcando como principal obxectivo o desenvolvemento de programas formativos que estean avalados por unha xestión de calidade como elemento clave e estratéxico para establecer un compromiso de máxima eficacia cos nosos grupos de interese.
A Facultade de Ciencias é unha institución pública comprometida coa formación de profesionais capacitados, competentes e socialmente responsables.
A súa misión é buscar a excelencia de maneira dinámica en todas as súas funcións: docencia, xeración e difusión do coñecemento a través da investigación. Estas actividades realízanse de forma socialmente responsable, en coherencia co entorno do Campus Terra, cunha especial atención ás áreas de Enxeñaría, Ciencias Básicas e Ciencias da Saúde.
A Facultade de Ciencias aspira a ser recoñecida como un centro universitario de prestixio, capaz de adaptarse ás demandas da sociedade e de formar profesionais altamente cualificados. A ofrecer unha oferta académica de estudos completa que integre docencia e investigación, destacándose no deseño, planificación, organización e desenvolvemento de estudos que conducen á obtención de títulos oficiais, que habiliten para o exercicio de profesións reguladas ou capaciten para actividades especializadas enmarcadas nas diversas liñas de especialización do Campus Terra.
Un Centro de referencia dentro dos estándares máis elevados de calidade da Unión Europea e con alta capacidade en investigación, que poida proxectar á Facultade e promover a internacionalización do seu estudantado, persoal docente e investigador, así como do seu persoal técnico, de xestión e de administración e servizos.
Responsable, comprometida coa sustentabilidade, a cooperación social e integrada co sector empresarial e acorde co motor socioeconómico, a Facultade é unha institución activa, viva, motivadora e emprendedora, cunha xestión áxil, eficiente e transparente, orientada á evolución constante segundo as necesidades do entorno.
- Integridade, mediante a preservación e potenciación dos nosos propios sinais de identidade:
- Responsabilidade
- Transparencia
- Capacidade de adaptación
- Innovación
- Creatividade
- Iniciativa
- Espírito crítico
- Liberdade de pensamento
- Respecto aos dereitos de todas as persoas e, en particular, dos membros da comunidade universitaria.
- Compromiso:
- Coa procura permanente da excelencia en todas as actividades universitarias (calidade e mellora continua).
- Cunha xestión baseada no diálogo, a participación, a colaboración e a confianza.
- Cun desenvolvemento sostible, coa equidade e coa eliminación de todo tipo de discriminacións.
- De servizo a sociedade, en particular, coa transferencia de coñecemento como contribución ao desenvolvemento social, económico e cultural.
- Coa seguridade das persoas e das instalacións.
A Facultade dirixe os seus esforzos cara á plena consecución da satisfacción das necesidades e expectativas de todos os seus grupos de interese e co fin de satisfacelos, comprométese a empregar todos os recursos técnicos, económicos e humanos á súa disposición; sempre dentro do estrito cumprimento dos requisitos legais aplicables, tanto a nivel autonómico como estatal e europeo.
Por todo iso, a Facultade adquire o firme compromiso de garantir a calidade nesta e establece a súa política baixo estes principios:
- Responsabilidade: proporcionar unha formación dirixida cara á excelencia garantindo unha oferta académica acorde coas necesidades e expectativas dos nosos usuarios e da sociedade en xeral.
- Integración, participación e igualdade: esta facultade establece como un dos principios claves da súa política que todas as necesidades dos seus grupos de interese sexan atendidas e que todos participen no desenvolvemento da Facultade a través das vías establecidas para iso garantindo a accesibilidade, a participación e a igualdade.
- Orientación ao estudantado: este centro garante no seu programa formativo a orientación ao estudante entendendo que é o principal receptor deste.
- Excelencia: o traballo desta Facultade realízase tendo como meta alcanzar a excelencia que marcan os principais modelos de calidade universitaria e as principais escolas e facultades recoñecidas.
- Transparencia: Esta Facultade basea a xestión do seu programa formativo na transparencia nos seus resultados e na difusión destes aos seus grupos de interese.
A dirección desta Facultade adquire o compromiso permanente coa mellora continua dos seus programas formativos.