A exposición busca amosar como a ciencia e a arte comparten un punto de partida común: a imaxinación e a especulación. A mostra imaxina outros futuros posibles a través da arte, a ciencia ficción e o pensamento oracular. Propón unha viaxe para transformar a incerteza do presente en pulo creativo.
Exposición "Ficcións especulativas"
O histórico Salón Artesonado do Colexio de Fonseca acolle a exposición ‘Ficcións especulativas’, unha mostra colectiva que explora como os artistas contemporáneos utilizan a ciencia ficción, os soños e os oráculos como ferramentas para construír visións alternativas do mundo e do porvir. Propón deste xeito unha viaxe para transformar a incerteza do presente en pulo creativo.
Igual que a ciencia comeza con hipóteses ficticias para entender o mundo, os artistas usan a fantasía, a ciencia ficción e o pensamento oracular para imaxinar futuros posibles. Nun contexto de cambio global, esta mostra destaca como a creación artística pode axudar a albiscar o porvir e inspirar transformacións, combinando elementos científicos, narrativos e máxicos.
Nun momento dominado por narrativas distópicas, "Ficcións especulativas" actúa como un contrapunto, reivindicando a imaxinación como un espazo de poder e resistencia. A mostra articúlase arredor de tres eixos conceptuais que serven de brúxula para o visitante: a "bolsa da ficción" da escritora Ursula K. Le Guin, que invita a crear relatos desde novas perspectivas; o marabilloso e os oráculos como ferramentas ancestrais para descifrar o futuro; e a hipótese científica entendida como un punto de partida creativo.
A exposición reúne obras dunha ducia de artistas nacionais e internacionais que habitan o espazo liminar entre a ciencia, a arte e a especulación. O proxecto defende que só narrando doutro xeito podemos ver doutras formas, presentando á propia arte como un laboratorio de futuros.
O papel das persoas voluntarias será o de orientadoras/es didácticas/os, acompañando e guiando as visitas de grupos ou individuais, ofrecendo unha interpretación accesible e enriquecedora da exposición. A colaboración realizarase dentro do horario da exposición, pero cada persoa poderá escoller a quenda que mellor se lle adapte. A exposición permanecerá aberta até o vindeiro 28 de febreiro de 2025.
- Horario: de luns a venres, de 11 a 14 h. e de 17 a 20:30 h.
- Prazas: s/n