A USC desenvolve unha serie de cursos, xornadas e obradoiros para que as persoas voluntarias poidan realizar un mellor servizo na organización coa que colaboran e acadar un maior aproveitamento social das súas actividades.
Para poder realizar estas accións formativas, a USC conta coa participación de persoal técnico do Servizo de Participación e Integración Universitaria, con profesionais dos seus cadros académicos e, fundamentalmente, cos técnicos e profesionais das diferentes institucións de carácter solidario coas que colabora.
Os cursos de formación están recoñecidos academicamente.
A calidade é outro dos principios reitores das accións solidarias impulsadas pola USC. Así, para poder mellorar toda a oferta formativa desenvolvida durante o ano académico, ao remate de cada unha das xornadas, cursos ou actividades formativas organizadas, entrégase unha enquisa de avaliación para ser cuberta, de xeito anónimo, polos participantes.
Para poder obter o certificado de aproveitamento só se poderá faltar ao 10 % das horas totais do curso. É obrigatoria a entrega dunha memoria final dunha extensión mínima de 400 palabras. Non será posible a devolución das taxas unha vez realizada a matrícula, excepto pola suspensión do curso.