Esta acción formativa, que se celebrará o 1 de xuño no Centro sociocultural de Bugallido (Ames), pretende afondar nas necesidades que tanto a Universidade como o seu territorio rural próximo teñen para formular colaboracións e proxectos de futuro orientados á xustiza e á sustentabilidade, e faino coa colaboración con entidades de consumo responsable, dinamización comunitaria, economía social e ecolóxicas. Por estas razóns alíñase cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable: Educación para a cidadanía, enerxía accesible e non contaminante; cidades e comunidades sustentables; produción e consumo sustentable; acción polo clima; paz, xustiza e institucións sociais.
Perséguese visibilizar o medio rural entre o alumnado como lugar de proxectos futuros, promovendo así a súa activación e a descentralización dos sistemas económicos, coa conseguinte redución da pegada ecolóxica. Esta visibilización realízase a través da exposición de proxectos de innovación social do medio rural por parte das propias entidades que os levan a cabo, e tamén coa participación directa do estudantado recorrendo ás mesmas en técnicas grupais, de maneira que desenvolvan unha aprendizaxe vivencial e de competencias.
No plano formativo incídese na adquisición por parte do alumnado, de coñecementos relativos aos retos existentes na crise ecosocial que enfrontamos e nas achegas que nos ofrecen tanto a ciencia como o coñecemento local-tradicional do rural e os seus recursos. O estudantado deberá vincular estes coñecementos coa súa disciplina, integrando así os seus coñecementos cos problemas actuais do medio rural e a sociedade no seu conxunto para integrar a resolución das necesidades na súa perspectiva de futuro laboral.
No plano competencial, agárdase que o estudantado desenvolva habilidades relativas á análise da realidade social e económica, así como o establecemento de redes de colaboración, traballo en equipo e creatividade, todas elas competencias transversais nos graos da USC.
- Data: xoves, 1 de xuño de 2023
- Lugar: Centro sociocultural de Bugallido (Ames)
- Horario: 9:30 a 14 h e de 15 a 19 h.
- Convivencia: Haberá un xantar compartido entre as 14 e as 15 h.
Obxectivos
- Coñecer as necesidades existentes no territorio rural.
- Coñecer as oportunidades que se presentan de cara a construír unha sociedade sustentable dende un punto de vista ecosocial.
- Coñecer as posibilidades que no medio rural se perfilan en diversas profesións, podendo así pensar en futuros proxectos profesionais e de vida nas aldeas.
- Contribuír a construír as redes de contactos e alianzas que permitan desenvolver as metodoloxías estudadas para traballar nos obxectivos atopados.
Contidos
Metodoloxías de vinculación territorio-academia:
- A aprendizaxe-servizo.
- Investigación Acción Participativa.
Problemáticas presentes na actualidade rural:
- Os manexos do territorio para a cuberta de necesidades.
- A enerxía como necesidade básica.
- Diversidade e representatividade.
- Outras necesidades.
Construción de comunidade como medio e fin:
- Concepto de ben común e vixencia actual.
- Referentes históricos e actuais da xestión do ben común.
- Formas emerxentes da construción da comunidade.
Metodoloxicamente, levaranse a cabo varias actividades:
- A través de técnicas de grupo creativas artellaranse colectivamente vías de acción e solucións ás necesidades axeitadas.
- O estudantado poderá tamén escoller entre dous tipos de metodoloxía para conectar a universidade co territorio: a Aprendizaxe-Servizo e a Investigación Acción Participativa.
- Pola tarde levarase a cabo unha mesa redonda sobre diferentes maneiras de crear procesos comunitarios que poden aplicarse a diferentes ámbitos: as comunidades enerxéticas (Amigas da Terra), a moeda social (A Sabia Moeda Galega), o festival participativo Art-Part (Outonía) e as comunidades de montes (Laboratorio Ecosocial do Barbanza).
- Como resultado desta actividade, o estudantado deberá entregar un produto nunha das tres modalidades:
- Unha idea de proxecto de Investigación Acción Participativa.
- Unha proposta de Aprendizaxe-Servizo.
- Un produto comunicativo respecto a algunha das conclusións ou problemáticas da xornada.