Ir o contido principal

Prácticas

As prácticas académicas externas constitúen un módulo central nos plans de estudo, servindo de elemento vertebrador das distintas materias que configuran o currículo dos graos e másteres. Ademais, constitúen un espazo para a socialización profesional do alumnado.

As Prácticas Académicas Externas (PAE) sitúan o alumnado en escenarios profesionais reais que favorecen a adquisición de coñecemento e a posta en práctica das habilidades e destrezas necesarias na súa futura inserción laboral. Neste contexto, o alumnado observa, analiza, reflexiona e aprende a tomar decisións e actuar. Permítelle, así mesmo, ao alumnado achegarse ao mundo profesional desde diferentes dimensións e o desenvolvemento, nun contexto espazo-temporal concreto, das competencias profesionais fundamentais da titulación.

O carácter formativo das PAE xira en torno a dous eixes:

  1. Articular teoría e práctica a través da aproximación global aos problemas e situacións reais no ámbito laboral, poñendo en xogo os coñecementos acadados a través das distintas materias do plan de estudos.
  2. Reflexionar sobre a acción permitindo unha aprendizaxe reflexiva, máis alá da mera acción.

As materias que integran as PAE de cada unha das titulacións da Facultade comparten un conxunto de obxectivos xerais:

  1. Contribuír á formación integral do alumnado, complementando a súa aprendizaxe teórica e práctica.
  2. Facilitar o coñecemento da metodoloxía de traballo adecuada á realidade profesional na que o alumnado terá que operar, contrastando e aplicando os coñecementos adquiridos.
  3. Favorecer o desenvolvemento das competencias técnicas, metodolóxicas, persoais e participativas.
  4. Obter unha experiencia práctica que facilite a inserción no mercado de traballo e mellore a súa empregabilidade futura.
  5. Favorecer os valores da innovación, a creatividade e o emprendemento.
Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.10.2024.