Ir o contido principal

Política de calidade

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) desenvolve a súa política de calidade a través do seu plan estratéxico e o plan anual de melloras, que se elaboran e aproban de acordo co establecido nos procesos PE-01, Planificación Estratéxica e PE-02, Revisión e mellora, respectivamente.

A ETSE ten como misión contribuír, nun contorno estimulante, de innovación e de relacións humanas, á formación integral de profesionais comprometidos co desenvolvemento da sociedade baixo principios éticos, de igualdade, de sustentabilidade e de responsabilidade social.

A ETSE acolle grupos de investigación de referencia en enxeñaría e promove o desenvolvemento científico e tecnolóxico, potenciando actividades de investigación, de difusión da cultura tecnolóxica e de relacións con empresas, institucións e centros de investigación. 

Para iso a ETSE dispón dunha ampla oferta formativa de grao e posgrao e conta con recursos humanos, equipos e instalacións que fan posible o desenvolvemento do labor docente e investigador.

No relativo á visión do centro, a ETSE quere ser recoñecida como un centro de referencia a nivel nacional e internacional pola calidade e amplitude da súa oferta formativa de grao e posgrao no ámbito da enxeñaría e polo desenvolvemento dunha investigación avanzada que dea resposta ás necesidades da sociedade. 

A Escola quere ser recoñecida por aplicar metodoloxías docentes innovadoras nun clima de traballo colaborativo, amable e eficaz, cun profesorado altamente cualificado que fomente a adquisición por parte do estudantado dos coñecementos e competencias necesarias para desenvolver a súa actividade profesional nun contorno cada vez máis cambiante e esixente.

A Escola quere impulsar a internacionalización da docencia e da investigación e manter excelentes relacións con outros centros autonómicos, nacionais e internacionais, con colexios e asociacións profesionais e, singularmente, cos seus titulados/as. Así mesmo, pretende incrementar a súa relación co tecido empresarial e ser un referente nas relacións universidade-empresa. 

A ETSE réxese polo compromiso cos seguintes valores éticos e profesionais: 

Éticos: 

• Integridade 

• Cordialidade e respecto mutuo 

• Compromiso coa sociedade, o desenvolvemento sostible e a igualdade

• Transparencia 

• Responsabilidade

Profesionais: 

• Cultura da calidade e mellora continua

• Iniciativa 

• Colaboración e participación 

• Innovación e creatividade

• Flexibilidade e capacidade de adaptación aos cambios

• Liberdade de pensamento e expresión

• Espírito crítico

• Seguridade das persoas e das instalacións

 

As liñas estratéxicas definidas na Escola Técnica Superior de Enxeñaría inclúen: 1. Infraestruturas, recursos materiais e persoas; 2. Impulso e fortalecemento da docencia; 3. Visibilidade da escola e servizo a sociedade; 4. Internacionalización. Cada unha destas liñas concrétanse en obxectivos estratéxicos, á vez que estes quedan definidos polas correspondentes accións estratéxicas.

Liña estratéxica 1: Infraestruturas, recursos materiais e persoas. 

Os obxectivos estratéxicos desta liña son:

1.1: Dotar e manter instalacións e equipamento docente.

1.2: Dotar de persoal docente e persoal técnico de apoio á docencia.

1.3: Mellorar a xestión administrativa.

Liña estratéxica 2: Impulso e fortalecemento da docencia. 

Os obxectivos estratéxicos desta liña son:

2.1: Renovar e acadar novas acreditacións e mencións para os títulos da escola.

2.2: Revisión dá oferta docente do centro.

2.3: Fortalecer a formación do estudantado.

Liña estratéxica 3: Visibilidade da escola e servizo á sociedade.

Os obxectivos estratéxicos desta liña son:

3.1: Fortalecer a presenza da ETSE na sociedade.

3.2: Impulsar as relacións co tecido empresarial.

3.3: Atraer estudantado e acadar un maior equilibrio de xénero.

3.4: Implicar ao estudantado co centro.

3.5: Potenciar o uso da lingua galega.

Liña estratéxica 4: Internacionalización.

Os obxectivos estratéxicos desta liña son:

4.1: Impulsar a internacionalización dos títulos.

4.2: Impulsar a internacionalización do PDI e do estudantado.

 

Compromiso de calidade:

A ETSE é consciente da importancia que ten a calidade no contexto universitario para garantir programas formativos que dean resposta ás demandas de excelencia.

Tomando como referencia a política de calidade da USC, a ETSE elabora a súa política marcando como principal obxectivo o desenvolvemento de programas formativos que estean avalados por unha xestión de calidade como elemento fundamental e estratéxico para establecer un compromiso de máxima eficacia cos seus grupos de interese.

Tomando como referencia a política de calidade da USC (enmarcada dentro do despregamento do seu plan estratéxico) a Escola elabora a súa política marcando como principal obxectivo o desenvolvemento de programas formativos que estean avalados por unha xestión de calidade como elemento clave e estratéxico para establecer un compromiso de máxima eficacia cos nosos grupos de interese. 

A Escola quere ser recoñecida no contexto universitario e social por desenvolver programas formativos que garantan a mellor e máis adecuada formación para o seu estudantado, que dean resposta ás demandas do mercado laboral, que garantan as condicións de desenvolvemento profesional axeitadas ao seu persoal docente, investigador e de servizos e que renda contas do investimento e optimización dos seus recursos.

A Escola dirixe os seus esforzos cara á plena consecución da satisfacción das necesidades e expectativas de todos os seus grupos de interese e, a fin de satisfacelos, comprométese a empregar todos os recursos técnicos, económicos e humanos á súa disposición; sempre dentro do estrito cumprimento dos requisitos legais aplicables, tanto a nivel autonómico como estatal e europeo.

Por todo iso, esta Escola adquire o firme compromiso de garantir a calidade e establece a súa política baixo estes principios:

  • Responsabilidade: proporcionar unha formación dirixida á excelencia, garantindo unha oferta académica acorde coas necesidades e expectativas dos nosos usuarios e da sociedade en xeral. 

  • Integración, participación e igualdade: esta Escola establece como un dos principios esenciais da súa política que todas as necesidades dos seus grupos de interese sexan atendidas e que todos participen no desenvolvemento da Escola a través das vías establecidas para iso, garantindo a accesibilidade, a participación e a igualdade.

  • Orientación ao alumnado: este centro garante no seu programa formativo a orientación ao alumnado, entendendo que é o principal receptor da devandita orientación.

  • Excelencia: o traballo nesta Escola realízase tendo como meta a excelencia que marcan os principais modelos de calidade universitaria e as principais escolas e facultades recoñecidas.

  • Transparencia: esta Escola basea a xestión do seu programa formativo na transparencia nos seus resultados e na súa difusión entre os seus grupos de interese.

A dirección desta Escola adquire o compromiso permanente coa mellora continua do seu programa formativo, para o cal o/a Director/a subscribe este documento de política de calidade o 29 de novembro de 2024.

 

A Directora da Escola Técnica Superior de Enxeñaría

 

Julia González Álvarez

 

 

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.12.2024.