A súa orixe remóntase ao 30 de outubro de 1842, data en que foi inaugurada oficialmente a Escola Normal de Mestres de Lugo, se ben a súa actividade non se puido consolidar ata 1849, cando se habilitaron para ese fin unhas dependencias anexas ao Convento de San Domingos. Esta circunstancia converte a Facultade de Formación do Profesorado no centro universitario que goza dunha maior tradición no Campus de Lugo.
Aínda que a Lei de Instrución Pública, ditada por Claudio Moyano en 1857, contemplaba as escolas normais como centros de carácter profesional, a redución do número de alumnos e as restricións orzamentarias motivaron a promulgación dun real decreto, asinado en 1901 polo Conde de Romanones, en virtude do cal se ditamina a incorporación dos estudos de Maxisterio aos Institutos Xerais e Técnicos. A posta en práctica desta normativa significou a desaparición temporal da Escola Normal de Mestres de Lugo, que pasa a formar parte do Instituto ese mesmo ano. Por outra banda, o real decreto polo que se dota a Lugo dunha Escola Normal de Mestras atrásase ata o ano 1916, data en que o novo centro empeza a súa andadura no Pazo da Deputación Provincial.
En 1931, a entrada en vigor do réxime republicano dotou as Escolas Normais do Maxisterio primario —esa era a súa nova denominación— dun carácter realmente profesionalizador, organizándose en réxime de coeducación e con profesorado de ambos sexos. Tras a Guerra Civil, porén, o Goberno franquista consagrará o principio da rigorosa separación de sexos nos centros dedicados á formación de mestres e mestras. As Escolas do Maxisterio, nome co que a Lei de Educación Primaria de 1945 designa as institucións dedicadas á formación destes profesionais, inician as actividades, xa no curso 1945-46, consonte o disposto nesa lei, de maneira que pasan a funcionar de xeito completamente independente para alumnas e alumnos. En cumprimento desta nova normativa segregacionista por razón de sexo, prodúcese o inmediato desdobramento da Escola do Maxisterio de Lugo en dous centros, un de carácter feminino (que era o que xa estaba a funcionar) e outro masculino.
Como se apuntou, as Escolas do Maxisterio (masculino e feminino) ocupaban daquela unhas dependencias do Pazo da Deputación Provincial nunhas condicións de gran precariedade, que non se solucionaron ata a construción dun novo edificio situado na avenida de Ramón Ferreiro, o seu emprazamento actual. As obras iniciadas en 1949 remataron en 1954, cando foron inauguradas polo ministro de Educación Nacional, Joaquín Ruiz-Giménez.
Nove anos máis tarde, decídese a reunificación dos dous centros que ata entón se viñeran dedicando por separado á formación de mestres e de mestras, se ben o Ministerio de Educación Nacional non a fai operativa ata o inicio do curso 1964-65. A partir dese momento, a Escola do Maxisterio Masculino Bispo Odoario e a Escola do Maxisterio Feminino Santa María pasan a constituír unha soa Escola do Maxisterio, cun único director, secretario e claustro.
En 1970, a promulgación da Lei Xeral de Educación trae consigo dúas repercusións inmediatas para as Escolas do Maxisterio: por unha banda, a vella denominación de “mestre” substitúese pola de “profesor de EXB”, con rango de diplomado universitario e coa posibilidade de acceder, unha vez superado un curso de adaptación, ao cuarto ano de determinadas licenciaturas; e por outra, este tipo de centros pasan a integrarse na universidade coa consideración de Escolas Universitarias de Formación do Profesorado de Educación Xeral Básica.
Deste xeito, e de acordo co plan de estudos de 1971, á Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB de Lugo fóronlle adxudicadas as especialidades de Filoloxía, Ciencias Físico-Matemáticas e Ciencias Humanas, que se ampliarían á especialidade de Preescolar dez anos máis tarde. Este deseño académico, con lixeiras variantes, manteríase ata que en 1993 comezou a implantación das diplomaturas de Mestre en Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Física e Lingua Estranxeira.
A partir do curso 2010-2011, o desenvolvemento do Espazo Europeo de Educación Superior determinou a substitución progresiva das vellas diplomaturas polas novas titulacións de grao en Mestre de Educación Infantil e Mestre de Educación Primaria. Tamén se imparten dous másteres: o Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Linguas e o Máster Universitario en Dirección de Actividades Educativas na Natureza.
Ao mesmo tempo, tendo en conta que o proceso de adaptación ao EEES non supón só a modificación das titulacións propias da anterior ordenación das ensinanzas universitarias, senón tamén a dos centros que as viñan impartindo, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, por proposta do Consello de Goberno da USC e co informe favorable do seu Consello Social e mais do Consello Galego de Universidades, promulga o Decreto 233/2011, do 2 de decembro (DOG do 22 de decembro), polo que se autoriza a modificación da denominación da Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB do Campus de Lugo, que pasa a denominarse Facultade de Formación do Profesorado, coa finalidade de adaptala á estrutura das novas titulacións.