Os Graos conclúen coa elaboración e defensa dun Traballo de fin de grao que debe realizarse na fase final dos estudos e estará orientado á avaliación das competencias asociadas ao título.
O Traballo de fin de frao (TFG) consistirá na elaboración dun traballo académico orixinal no que se integren e desenvolvan os coñecementos, capacidades, competencias e habilidades adquiridos durante os estudos realizados nas titulacións de grao e incluirá, como mínimo, tarefas de busca e revisión bibliográfica, lectura e integración de información, redacción, presentación e defensa.
Coordinación TFG
O alumnado que desexe defender o seu TFG debe realizar a solicitude de defensa a través da súa Secretaría Virtual nos prazos establecidos pola Facultade ao efecto para cada oportunidade. No momento de realizar a solicitude o sistema requirirá que se especifiquen en galego, castelán e inglés os seguintes datos: título, resumo e palabras clave (é moi importante respectar os criterios ortográficos e lingüísticos recollidos na Instrución 3/2017 da Secretaría Xeral da USC ao respecto).
É moi importante cubrir todos os apartados nos tres idiomas, xa que os títulos aparecen no suplemento europeo ao título.
Existe unha opción para relacionar o TFG cunha ou varias materias da titulación, pero non é de obrigado cumprimento.
No momento de facer a solicitude tamén cómpre seleccionar a opción de defensa diante de titor/a ou tribunal.
Nos prazos establecidos pola Facultade para cada oportunidade, o alumnado que fixo a solicitude de defensa deberá depositar o traballo, subíndoo en PDF a través da Secretaría Virtual (se non se adxunta o traballo no momento de facer a solicitude, deberase volver entrar nela para achegalo).
As defensas serán sempre públicas. No caso das defensas diante de titor/a, será este/a quen decida a data e convoque a defensa, dentro das datas fixadas no calendario. No caso das defensas diante de tribunal, unha vez rematado o prazo para depósito do TFG, publicarase a composición dos tribunais e as datas, horas e lugares concretos da defensa, dentro das previstas no calendario.
Unha solicitude só dá dereito a defender o traballo na oportunidade de que se trate. No caso de que, malia ter feita a solicitude, finalmente non se defenda o TFG ou se suspenda nesa oportunidade, haberá que realizar unha nova solicitude (e depósito) se se desexa defendelo noutra oportunidade do mesmo curso académico. Se fose nun curso académico distinto, cómpre volver matricularse. En cada curso académico hai tres oportunidades de defensa (febreiro, xullo e setembro), das cales o alumnado ten dereito a dúas como máximo.
No caso de TFG en grupo, teñen que facer a solicitude e subir o PDF co TFG a través da Secretaría Virtual todos os membros do grupo. No caso de que algún membro do grupo non poida realizar a defensa (por non cumprir as condicións de terminación), os outros membros poden defendelo igualmente. O membro que non poida defendelo canda os demais, debe facer unha nova solicitude cando cumpra as condicións, volver entregar o mesmo TFG e defendelo en solitario.
É importante ler atentamente os documentos relacionados co TFG (regulamento, guía docente, normas APA etc.) e ter especial coidado en respectar os requisitos relativos á portada do TFG.