Álvaro Goldar e Francisco Cardama, titulados da ETSE, entre os mellores expedientes académicos da Enxeñaría Informática de España
da USC foron seleccionados pola Sociedade Española De Excelencia Académica (SEDEA https://www.sedea.es/) polo seu rendemento durante os seus estudos de Enx. Informática na USC.
A Sociedade SEDEA, fundada en 2019, avalía anualmente a alumnado de toda España para escoller entre o 1% e 2% dos mellores expedientes académicos.
Os/as avaliadores/as son catedráticos/as e investigadores/as de todas as ramas de coñecemento de universidades de toda España. Téñense en conta varios factores como son matrículas de honra, coñecemento de idiomas, premios extraordinarios, e voluntariados.
Reunímonos con Álvaro e Francisco para falar desta distinción e os seus estudos de Informática na USC.
Que fixo que hai cinco anos quixérades facer estudos universitarios de Enxeñaría Informática?
Álvaro: Podería dicir que a tecnoloxía acompañoume durante toda a vida. Lembro xogar no PC de casa con poucos aniños; foi o meu primeiro contacto cun computador. Sempre fun o típico rapaz ao que lle gusta cacharrear con todo aparello electrónico, e entender como funcionaban esas cousas misteriosas. Cos anos, chamábame a atención cursar algo de informática despois do instituto, e confirmeino unha vez tiven os meus primeiros contactos coa programación en bacharelato, en linguaxes coma Scratch, no que me entretiña facendo minixogos.
Francisco: eu xa tiña bastante claro dende pequeno que o meu era a informática, polo tanto a decisión non foi moi complicada, sempre me orientei nesa dirección. Aínda así, durante o bacharelato cursei algunhas materias como Tecnoloxía Industrial e TIC nas que nos ensinaban a programar e foi algo que nunca tiña feito e que me encantou, nese momento serviume para tomar a decisión definitiva.
Que aspectos ou materias do grao en Enx. Informática da USC atopáchedes mais estimulantes?
Álvaro: Sempre me fascinou moito todo o próximo ao hardware dos computadores. Por exemplo, o desenvolvemento de códigos tendo presente a arquitectura do computador para que vaian o máis rápido posible, ou o desenvolvemento de sistemas operativos. Aínda así, a variedade de contidos que se cursan no Grao é tal, que aprendes unha infinidade de aspectos da informática, dende como se moven os sinais eléctricos por un cable, a como estes sinais acábanse convertendo na páxina web que cargas no teu navegador. É fascinante poder comprender algo que nos rodea e usamos tódolos días.
Francisco: para min o máis estimulante, sen dúbida, foi ver reflectida na carreira a gran parte dos sistemas que me rodeaban durante o día a día e sentir como cada vez os entendía mellor. Actualmente todos vivimos abstraendo un montón de cousas cotiás e canto máis me adentraba nesa gran capa de abstracción da informática máis me estimulaba a continuar aprendendo.
Sodes ademais estudantes moi participativos na vida universitaria (órganos de representación, comisións universitarias, etc...), como animades ás próximas xeracións para ser activos/as neste tipo de cuestións?
Álvaro: Como en todo, sempre hai cousas que gustan mais, e cousas que menos que imos querer cambiar. En xeral, os alumnos necesitamos contar con representantes para que transmitan os nosos desexos, e poder cambiar así as cousas para mellor. Eu incorporeime precisamente a estes cargos para tratar de cubrir a falta de representación no meu Grao, e creo que puidemos cambiar algúns aspectos a mellor nestes anos; pódoo ver, por exemplo, nos cambios que incentivamos sobre aspectos que non funcionaban ben nalgunhas materias, de modo que alumnos máis novos poidan vivir unha experiencia un pouco mellor. Tamén é unha oportunidade da que aprender moito, ao ver o funcionamento da universidade dende novos puntos de vista, e esixe aprender a tomar responsabilidade para poder ser a cara que representa a moitas persoas.
Francisco: é unha experiencia mais e en xeral, moi gratificante, sobre todo porque se conseguen moitas cousas que sen representación do alumnado tardaría moito máis en propoñerse, unha vez acabas a carreira ves as cousas que cambiaron dende que a empezaches e sintes que contribuíches un pouco. Eu recoméndoo moitísimo, na ETSE hai unha boa comunicación entre os representantes e o profesorado e sempre se van a ter en conta as propostas, ademais de conseguir aprender outro tipo de competencias tranversais á carreira, ao final aprendes a loitar polos teus dereitos e por mellorar a túa educación máis a das futuras xeracións.
Tivéchedes ademais que finalizar os vosos estudos no medio dunha pandemia, cómo afectou isto á vosa traxectoria académica?
Álvaro: A pandemia colleume no meu terceiro curso de Grao. Creo que ao principio foi cando menos me afectou, porque ao final estábamos todos en casa, e tentábase facer a vida posible, mantendo por exemplo o contacto a través de plataformas de comunicación. O peor da pandemia veu ao comezar o meu cuarto curso. Eu proveño dunha vila pequena, e experimentei o contraste de vir a unha cidade e estar rodeado de tanta xente despois de tanto tempo. Isto, sumado ao medo por todo o malo que escoitabamos e víamos día tras día, fixeron que fose un cambio moi forte. Ademais, a combinación da docencia presencial e telemática resultaba algo relativamente caótico na miña vida; non notaba constancia, unha rutina… Simplemente sentíame nunha situación estraña día tras día, non estaba cómodo, e tardei moito tempo en mirar de novo con gañas aos meus días de estudante universitario.
Francisco: a pandemia para min foi un golpe bastante duro en todos os aspectos e especialmente á hora de falar do rendemento académico. Cando se convocou a corentena en marzo do 2020 eu estaba cursando terceiro de carreira e aínda tiven momentos de productividade, pero no seguinte curso acabar a carreira fíxose moito máis costa arriba que calquera outro ano. Ao final todos tivemos que parar a nosa vida social, pero sen deixar de lado as nosas responsabilidades, o que fixo que fose máis complicado cumplilas, sobretodo polo moi variables que foron as restriccións neste último 2021.
Ser merecedores da distinción SEDEA fala moito do voso rendemento, que consellos daríades ao alumnado que vai comezar un Grao na Universidade?
Álvaro: A etapa universitaria é o período que máis me fixo evolucionar a nivel persoal. O máis probable é que sexades xente nova, de 20 anos ou menos: viredes case seguro ao ambiente dunha nova cidade, preparados para adquirir moitísimos coñecementos, tamén para aprender a independizarse, e rodeados de moitísima máis xente que coñecer, e na mesma situación que vós, sendo cada persoa outro novo mundo. Todo isto é unha combinación perfecta que vos expoñerá a tantas experiencias únicas e variadas, que non ten por que pasar un só día sen que vos deitedes dicindo “hoxe non aprendín nada novo”. Sen ningunha dúbida, aproveitade a experiencia se tedes a oportunidade de sumarvos.
Francisco: o consello máis importante que lle podo dar a calquera é saber aproveitar o tempo que ten para intentar facer o máximo posible, empezar un Grao na Universidade non só proporciona coñecementos, tamén é importante facer vida social e coñecer xente nova. Como ben di a campaña da USC, os anos universitarios son “unha experiencia vital” e se un se organiza ben, pódense facer perfectamente ambas cousas e obter un bo rendemento académico á par dunha vida social sana.
Como pensades encarar a vosa traxectoria profesional futura?
Álvaro: agora estou a cursar o Máster de Computación en Altas Prestacións da USC, e traballando no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes. Concretamente, participo no grupo de investigadores en imaxes hiperespectrais, liderado por Dora Blanco Heras. Conto con poder continuar o próximo ano cun programa de doutoramento na USC, xa que podo chegar a ter a oportunidade de cursar esta etapa da vida académica, en lugar de incorporarme directamente ao mundo empresarial. Non sei que me deparará o futuro máis alá, porque sería planificar para moitos anos para a pouca idade que teño, pero por sorte, véxome con ganas para o que depare o futuro.
Francisco: actualmente estou traballando na mellora de técnicas de detección de cambios entre imaxes hiperespectrais no CiTIUS cos profesores Dora Blanco e Francisco Argüello á par que curso o máster de Computación de Altas Prestacións na ETSE. De cara ao futuro, a miña intención é comezar o próximo curso o doutoramento en Investigación en Tecnoloxías da Información da USC co grupo de investigación en imaxes hiperespectrais e, nun principio, titorizado polos mesmos profesores e continuando a temática do traballo actual.
Despedimos a Álvaro e Francisco, recoñecéndolles o seu esforzo e reiterando os nosos parabéns.