Ir o contido principal

O estudante da USC Antón Gómez López, Premio Alejo Pacín Jul do Consorcio CIXUG ao mellor traballo universitario libre

Antón Gómez López, na cerimonia de entrega do premio na Cidade da Cultura
Antón Gómez López, na cerimonia de entrega do premio na Cidade da Cultura
Destaca pola súa excelente contribución ao procesado de imaxes de teledetección mediante redes xerativas antagónicas
Santiago de Compostela

O estudante do Mestrado en Intelixencia Artificial da USC e titulado no dobre grao  en Enxeñaría Informática e Matemáticas da mesma universidade Antón Gómez López vén de gañar a XVII edición do Premio Alejo Pacín Jul da Oficina de Software Libre do Consorcio CIXUG polo seu TFG ‘Adaptación efectiva de redes xerativas antagónicas para o procesado de imaxes de teledetección multidimensionais’ que titorizaron Francisco Santiago Argüello Pedreira e Dora Blanco Heras. 

Nesta edición, á fase final chegaron un total de cinco candidaturas, con premio en dúas categorías. Antón Gómez López fíxose co Alejo Pacín Jul, que ten unha dotación económica de 750 euros achegados pola asociación GPUL.

O Premio ao mellor traballo universitario libre, na modalidade  iniciouno en 2007 a empresa galega Igalia para achegar os universitarios galegos ao uso do software libre. Forma parte do Plan de Acción en materia de Software Libre da Amtega e está dirixido a estudantes do Sistema Universitario Galego que defenderon o seu  Traballo de Fin de Mestrado (TFM) ou Traballo de Fin de Grao (TFG) durante o curso académico 2023-2024. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.09.2024.