A primeira titulación impartida foi a de Enxeñeiro Técnico Agrícola, na especialidade de Explotacións Agropecuarias, e as primeiras promocións desempeñaron o seu labor maioritariamente nas delegacións provinciais do ministerio de Agricultura, no Catastro, e nos servizos de Extensión Agraria.
A Escola de Enxeñaría Técnica Agrícola foi ademais o xermolo do Campus Universitario de Lugo creado pola Ley General de Educación y Financiación de la Reforma Educativa, de 4 de agosto de 1970, na que se contemplaba a incorporación das Escolas Técnicas de grado medio, as de Maxisterio e Comercio como Escolas Universitarias, do mesmo xeito que os Colexios Universitarios e as Escolas de Enxeñaría Técnica.
Nese momento, ademais do Colexio Universitario, só había en Lugo catro centros que se van a transformar en universitarios, pasando a depender da Universidade de Santiago en 1972. Eran a Escola Normal de Maxisterio, creada en 1842, a Escola Pericial de Comercio, creada en 1945, a Escola de Enxeñaría Técnica Agrícola, creada en 1964 e a Escola de Axudantes Técnicos Sanitarios nada en 1972.
A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría creouse co Decreto 26/1993, do 11 de febreiro, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, integrando os estudos de Enxeñaría Técnica Agrícola, que se viñan impartindo dende o ano 1967, a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Agrónomos, creada no ano 1989, e a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Montes, creada no ano 1991. Posteriormente, no ano 2003, incorporáronse os estudos de Enxeñaría Civil e Enxeñaría en Topografía.
No inicio do curso 1994-1995 inaugurouse o edificio da EPS da rúa Benigno Ledo que orixinalmente constaba de sete edificios independentes: catro aularios, un edificio administrativo central e dous pavillóns. No ano 1997 entrou en servizo un novo edificio, o pavillón 3, coñecido popularmente como “Ampliación”.
Posteriormente, realízase a adaptación dos títulos impartidos ao Espazo Europeo de Educación Superior e implántase o Dobre Grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, a nova titulación do Grao en Robótica e o primeiro grao interuniversitario de Galicia: o Grao en Paisaxe.
Tras cinco décadas de experiencia docente e investigadora no ámbito das enxeñarías, a EPS transfórmase na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, un centro totalmente consolidado e de referencia no ámbito nacional e internacional tanto pola calidade da súa docencia como da súa investigación, sendo a premisa do centro a busca de respostas aos principais problemas que nos demanda a sociedade dende os ámbitos que nos son propios, procurando incrementar o benestar económico e social dos nosos concidadáns.