A acción titorial está dirixida a facilitar a súa integración na institución e serve de ponte entre o alumnado e os diferentes servizos. Ademais, contribúe a personalizar a educación universitaria e dá soporte ao alumnado no seu proceso de formación nas titulacións que se imparten na Escola.
Os obxectivos do Plan de Acción Titorial son:
- Facilitar a integración do alumnado de novo ingreso.
- Orientar, apoiar e asesorar ao alumnado no seu proceso formativo.
- Informar ao alumnado sobre aspectos académicos e profesionais que lle permitan planificar o seu itinerario académico e o seu futuro profesional.
- Realizar un seguimento personalizado do alumnado.
- Identificar as dificultades de aprendizaxe e organizativas nos estudos de Grao para poder analizalas e atoparlles unha solución.
- Animar ao alumnado á participación na vida da EPSE e da Universidade de Santiago de Compostela.
A normativa para articular os procedementos extraordinarios de avaliación e a revisión das cualificacións aprobada pola Xunta de Goberno da USC, na súa sesión do 15 de novembro de 2001, desenvolve o artigo 115 dos Estatutos da USC e establece a posibilidade de que o alumnado, en determinadas circunstancias, poida solicitar un apoio titorial extraordinario, nun máximo de materias pendentes sempre que non superen, en conxunto, os 18 créditos.
Este apoio, que corresponde realizalo ao profesor titor, debería proporcionarlle a cada alumno as pautas necesarias para a evolución na súa aprendizaxe e elementos suficientes para avaliar a súa progresión, mantendo en todo caso as garantías e transparencia necesarias.